As coleccións do Museo e o mundo funerario. Visitas guiadas

Actualizado 26/10/2018 00:00

museo de pontevedra

O Museo ofrece dous  itinerarios temáticos para persoas adultas vinculados co mundo funerario. O primeiro deles, titulado Samhaín e outras cousas que dan medo, terá lugar o mércores 31 de outubro ás 19 h e o segundo, co título ''Como te ves, me vi; como me ves, te verás'': un paseo polo mundo funerario da Prehistoria ao século XIX, realizarase o venres 2 de novembro ás 11:30 h e o sábado 3 ás 19 h.

SAMHAIN E OUTRAS COUSAS QUE DAN MEDO.

Nos últimos anos estase vivindo un xurdimento das celebracións asociadas ao mundo dos mortos e os devanceiros, case sempre vencelladas ao mundo cultural anglosaxón e a celebración de Halloween. Este fenómeno mestúrase con tradicións como os ritos cristiáns do Día de Defuntos, ou outros costumes anteriores que perduraron ata nós.

Aproveitando a exposición permanente do Museo, esta visita guiada ten como liña argumental o mundo dos defuntos, facendo un exercicio de reflexión e achegamento a conceptos coma o patrimonio material e inmaterial e a persistencia e reinterpretación de costumes e crenzas en distintas sociedades e momentos históricos.

Gran parte dos obxectos materiais que podemos ver nos museos, proceden de contextos funerarios. En ocasións temos estes obxectos desprovistos do seu significado, da cultura e o corpo de crenzas que os creou, como pode quedar exemplificado na sala de prehistoria. En outras ocasións, falta toda a materialidade funeraria, como no caso da cultura castrexa, se ben podemos rastrexar certas evidencias inmateriais a través da chegada do mundo romano, que produce un sincretismo que nos permite achegarnos á cultura anterior.

Precisamente en Roma teñen a súa orixe parte das prácticas actuais, a celebración de Halloween ou samhaín ten certo sabor romano. A festa dos defuntos é á súa vez unha cristianización das celebracións romanas e prerromanas, que, nalgúns casos, chegan incluso ata nós.

''COMO TE VES, ME VI; COMO ME VES, TE VERÁS'': UN PASEO POLO MUNDO FUNERARIO DA PREHISTORIA AO SÉCULO XIX

Na actualidade, a morte supón un tabú na nosa sociedade. Con todo o estudo dos xestos que a rodean resulta tremendamente útil polos significados que encerra e os coñecementos que nos achegan sobre a forma de ver e vivir a vida a comunidade que os practica.

Nesta visita faremos un percorrido polo mundo funerario desde a Prehistoria ata o século XIX a través da colección do Museo, mediante a interpretación de pezas como estelas funerarias romanas, sepulcros medievais ou gravados de Goya. Desde unha perspectiva histórica e antropolóxica, tentaremos ofrecer unha visión completa sobre como vivían os nosos antepasados, os máis remotos e os máis próximos, a morte propia e a do ser querido, así como os costumes e prácticas máis comúns ante a enfermidade e a morte.

Inscrición:A participación nesta actividade é de balde pero hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono: 986 804 100 ext. 42315 ou 42413 ou enviando un correo electrónico  a: curtas.museo@depo.es. O horario de atención telefónica e de correos-e é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra