Presentación do libro Adral da Filosofía

Actualizado 12/12/2018 00:00

museo de pontevedra

O sábado 15 de decembro ás 19:30 h terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio a presentación do libro Adral da Filosofía  de Xacobe Medina Dacasa.

“A lírica popular e a xenialidade”, “o artista e a loucura”, “a música e a linguaxe”, “a lingua galega”, “a problemática da sintaxe”, “o latín e o grego nos institutos”, “do feminismo e as súas interpretacións”, “as Forzas Armadas son forzas e corpos de inseguridade do Estado”, “A morte, ¿unha barreira ou unha liberación?”, “John Lennon e unha filosofía da felicidade”, “Castelao e a arte”, “Filgueira Valverde e os Beatles”… son só uns dos múltiples artigos que Xacobe Medina introduce neste libro para dar unha visión pouco recorrente da filosofía, das artes e da sociedade, dando lugar a unha obra polifacética pero sinxela onde o lector pode atopar un descanso aos fastosos formalismos académicos e incluso unha temeraria crítica dos mesmos, que garanten o entretemento e o goce.

Xacobe Medina Dacasa nace en Pontevedra no ano 2000. Desde neno mostra un alto grao de interese pola música que o leva a estudar violín, e posteriormente viola, no CMUS Manuel Quiroga. Aos 14 anos entra como violinista titular da Orquestra de Nenos Sinfónica de Galicia na que permanecerá tocando os dous anos seguintes. Entre o 2015 e 2016 comeza a compoñer pequenas obras para coro e orquestra que son interpretadas polo coro Luís García Limeses e a orquestra do conservatorio de Pontevedra. No ano 2017, altamente influenciado polo seu bisavó Xosé Fernando Filgueira Valverde, iníciase na literatura dando lugar ao seu primeiro libro A vida actual segundo os deuses. Por último, neste ano 2018 comeza os seus estudos de Filosofía na USC e de Musicoloxía na UAX, e publica o seu segundo libro Adral da Filosofía.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra