Exposición Sileno, humor gráfico e política

Actualizado 14/12/2018 00:00

museo de pontevedra

Pedro Antonio  Villahermosa e  Borao (Zaragoza, 1868-Madrid, 1945), coñecido polo  pseudónimo de  Sileno, foi un dos principais mestres do humor gráfico español do primeiro terzo do século  XX, especialmente destacado no ámbito da caricatura política no que representan desde a súa posición conservadora os acontecementos do seu tempo.

Nesta exposición dedicada á súa figura e á súa importante traxectoria gráfica exhíbese, por primeira vez, unha ampla selección de materiais inéditos orixinais das súas ilustracións para Heraldo de Madrid e outras publicacións, debuxos, pinturas, documentos, libros, revistas, tarxetas postais e fotografías, pertencentes á colección persoal do artista que, por doazón do seu xenro, o pontevedrés Santiago Losada Amor, custodia o Museo de Pontevedra.

Nesta mostra, programada en colaboración co Museo ABC, intégranse tamén máis dun centenar de viñetas aparecidas na revista Blanco y Negro, no diario ABC e no seu suplemento Gedeón. Entre elas, destacadas cun tratamento diferenciado, un sobresaliente conxunto de sátiras sobre os principais acontecementos que marcaron o desenvolvemento da Gran Guerra (1914-1918), obras do mellor momento gráfico do autor, que formaron parte da exposición  Sileno. Tambores en la batalla. Crónica ilustrada de la I Guerra Mundial celebrada en 2016 na sede do museo madrileño.

A mostra está  comisariada por Mª Ángeles Tilve  Jar, conservadora do Museo de Pontevedra, e  Víctor Zarza, comisario da exposición Sileno. Tambores en la batalla.

Visitas guiadas:

Sábados, a partir do 29 decembro, ás 18:00 h

Non se require inscrición.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra