Obradoiro de Entroido 2019

Actualizado 21/02/2019 00:00

museo de pontevedra

Como ven sendo habitual para festexar o Entroido, desde o Gabinete Didáctico proponse un obradoiro creativo vinculado este ano á figura do noso benquerido Ravachol. Está dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos e será impartido por Gabriela Lusquiños (Graduada en Belas Artes con Mestrado en Arte Contemporánea. Creación e Investigación).

Ademais do obradoiro, onde nenas e nenos realizarán o seu propio Ravacholiño para levar no pulso, a actividade completarase cunha visita dinamizada e musical na que os protagonistas serán os animais que moran nalgunhas das obras de arte expostas ao tempo que soa a banda sonora do “Entroido dos animais” do compositor Saint Saëns.

Obxectivo: potenciar a creatividade do público infantil e aproximalos a diferentes obras da colección do Museo relacionadas dunha maneira directa ou indirecta ao Entroido. Traballaranse conceptos como: o posado, o movemento e a expresión corporal que outorga o baile, as obras abstractas mediante o ritmo musical creando formas co corpo imitando a simplicidade do trazo ou a sensación de espazo. Conxugaremos así aspectos da tradición, a música, o disfrace e as cores propias do noso Entroido.

Nenas e nenos de 5 a 8 anos: o sábado 2 e o martes 5 de marzo (a escoller unha data).

Nenas e nenos de 9 a 12 anos: o 4 de marzo.

Horario: de 11h a 13h.

Inscrición: A participación nesta actividade é de balde pero hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono: 986 804 100 ext. 42413 ou enviando un correo electrónico a: gabinetedidactico.museo@depo.es.

O horario de atención telefónica e de correos-e é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra