Conferencia Muller e fotografía en Galicia. Pioneiras da imaxe e da súa comercialización

Actualizado 28/02/2019 00:00

museo de pontevedra

O xoves 7 de marzo ás 19:30 h o fotohistoriador Carlos Castelao falará no salón de actos do Sexto Edificio da situación da muller como profesional da fotografía en Galicia ao longo do século XIX e  primeiro terzo do XX.

Non só se referirá as mulleres que contaron con estudio propio ao seu nome ou que rexentaron un por outras circunstancias (caso das viúvas de fotógrafos), senón que tamén se fixará naquelas outras que traballaron nos estudios de xeito anónimo, ao carón dun home e, moitas veces, sendo elas as verdadeiras artífices da consolidación como profesional deste.

Son, por desgraza, poucos os nomes das fotógrafas empregadas que até nós chegaron, e aínda estas son moi descoñecidas para o público. Entre todas as fotógrafas o conferenciante estenderase no caso de dúas compostelás, María Cardarelly e Juana Cabello, cuxas biografías representan as dificultades que a muller atopou no desenvolvemento deste oficio no século XIX.

Por outra banda, en relación á comercialización da imaxe, comentarase sobre a actividade da muller como editora da postal comercial ilustrada. En Compostela é sorprendente o bo número de mulleres que participaron de xeito directo na produción das primeiras postais, é dicir, das primeiras representacións fotográficas comercializadas de maneira industrial, nun labor até agora descoñecido.

O conferenciante, profesional da xestión turística e, así mesmo, guía turístico, leva dúas décadas dedicado á investigación e divulgación da historia da fotografía en Galicia. Está especializado na fotografía do século XIX, sobre a que acaba de publicar, en decembro de 2018, o libro As orixes da fotografía en Galicia (Consorcio de Santiago / AlvarellosEditora).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra