Exposición Soños, fotografías de Miguel Vidal, no Centro Portugués de Fotografía

Actualizado 01/03/2019 00:00

museo de pontevedra

A exposición Soños do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que foi producida polo Museo no ano 2017, exhíbese nas salas do Centro Portugués de Fotografía, na cidade de Porto desde o 1 de marzo ata o 5 de maio.

A mostra, coordinada por Cristina Echave, e comisariada por Ramón Rozas, é a primeira de fotografía creativa actual propia do Museo de Pontevedra que se exhibe fóra das súas salas.

Soños é unha mostra creada para itinerar e o Centro Portugués de Fotografía demostrou un grande interese en acollela, na súa sede situada no antigo cárcere de Porto, no centro histórico da cidade. Ata alí viaxaron 38 fotografías das sesenta de gran formato que conforman a exposición inicial, nas que se alterna a cor e o branco e negro. Son unha escolma das series creativas realizadas por Miguel Vidal nos últimos anos: Room 111, The Farm e Meeting Point.

Segundo o comisario: “Así é como as fotografías de Miguel Vidal compoñen un itinerario por un universo onírico que nos mergulla en diferentes escenarios conformados como series”. […] “Universos perfectamente definidos nos que a figuración protagoniza un proceso que nos vai aproximando a todas e cada unha desas protagonistas femininas proporcionándonos unha colección de imaxes cheas de turbación, misterio, sofisticación e curiosidade”.

Xa en 2017 se editou o catálogo desta mostra, que continúa á venda no Sexto Edificio do Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra