Merenda con pan de millo. Unha obra de teatro musicalizada para escolares de ensino infantil

Actualizado 10/04/2019 00:00

museo de pontevedra

Co gaio da celebración do Ano da Música pola Área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e da semana das Letras Galegas, o Museo de Pontevedra, dentro do Proxecto Telecultura, quere achegar aos escolares de 3 a 6 anos o patrimonio inmaterial de música e lingua a través da obra de teatro musicalizada Merenda con pan de millo. Terá lugar o martes 14 de maio, ás 11:30, cos centros escolares que desexen inscribirse.

Merenda con pan de millo é un espectáculo baseado no libro-disco Pan de millo. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: “Pinocho”, “Pan de millo”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña Abuela Manuela”. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.

Inscrición:

Os centros escolares que desexen asistir deben facer a reserva no teléfono 986 804 100, extensión 42413 ou 42315, ou no correo-e: curtas.museo@depo.es

A sesión é de balde ata completar a capacidade do salón de actos. 

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra