Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas

Actualizado 25/04/2019 00:00

museo de pontevedra

Esta exposición permitiu catalogar e poñer en mans do público os máis de trescentos bosquexos, debuxos e acuarelas feitos por Carlos Maside na vila mariñeira de Combarro, así como a media ducia de cadros ao óleo que pintou alí directamente –como a Peixeira- ou acabou máis tarde en Santiago.

Comisariada por Rafael Vallejo Pousada e María Esther Rodríguez Losada, poderase ver no Sexto Edificio a partir da súa inauguración o 3 de maio, ás 20 h, ata o 16 de xuño de 2019.

O artista residiu en Combarro entre agosto e outubro de 1952, tres meses de felicidade e de intensa actividade creadora. "En Combarro fun feliz", comentoulle en máis dunha ocasión ao seu sobriño Xulio Maside.

Luís Seoane, discípulo, grande amigo e valedor do pintor, afirmaba en 1979 que este sempre apreciou os lugares nos que viviu, pero que foran "as cidades de Vigo e Santiago, e as vilas de Combarro e Noia as que lle serviron para representar a visión de Galicia que máis sentiu".

Visitas guiadas:

Sábados, a partir do 25 de maio, ás 18:00 h

Non se require inscrición.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra