Presentación do libro A rienda suelta de Xosé Fortes

Actualizado 12/09/2019 00:00

museo de pontevedra

O historiador pontevedrés Xosé Fortes presenta este venres 13 de setembro na área de cristal do Sexto Edificio A rienda suelta, o seu último libro. Será ás 20 h con entrada libre.

Xunta ao autor intervirán Xosé Manuel Rey, director do Museo, Susana Fortes, escritora, Xabier Fortes, xornalista e Eduardo Riestra, editor.

 

Premer na imaxe para ampliar

En A rienda suelta Xosé Fortes recolle as memorias dos seus primeiros anos de vida, fala de eguas libres que sucan a montaña, de paraugueiros que regalan chifres aos nenos, de mestres de escola, de foraxidos, de nenas enfermas, dun libro chamado Corazón, mapas e mundos perdidos. Tamén fala da amizade e dos soños, da forma na que é capaz de sobrevivir un neno a todas as catástrofes do modo en que o fixeron sempre os nenos desde que o mundo é mundo. A base imaxinación. Dalgunha maneira este libro é tamén un percorrido por un territorio e un tempo desaparecidos no que Galicia era un confín do mundo perdido despois dunha guerra no que se cruzan a pobreza e o orgullo, a liberdade e a imaxinación. E do xúbilo de vivir para contalo.

Nacido en Caroi-Cotobade en 1934, Xosé Fortes, militar de carreira, desempeñaría unha recoñecida labor como profesor, divulgador e historiador. Neste último eido foi usuario habitual dos nosos fondos documentais e bibliográficos.

Membro fundador da Unión Militar Democrática, procesado e condenado nun Consello de guerra ao final da ditadura e amnistiado en 1987, sería condecorado en 2010 xunta aos seus compañeiros polo seu papel na defensa das liberdades.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra