Terceira edición do festival audiovisual infantil e xuvenil  O Museo de Pontevedra en curtametraxes. Bases de participación

Actualizado 23/09/2019 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra en curtametraxes  é un festival que ten como obxectivo fomentar e divulgar o patrimonio cultural entre a infancia e a mocidade a través das obras e coleccións expostas no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos, así como a exposición que acollerá o Museo desde o mes de outubro 2019 ata o mes de febreiro de 2020 Galaicos, un pobo entre dous mundos, onde se amosarán, entre outras, pezas pertencentes á colección do Museo.

QUEN PODE PARTICIPAR

Poderá participar no festival de curtametraxes o alumnado de 5.º e 6.º de educación primaria, secundaria, bacharelato, grao medio ou formación profesional básica, tanto a título individual coma en grupo, a condición de que estea representado por unha persoa maior de idade (nai, pai, titora ou titor legal, no caso de presentarse de forma individual, ou a Dirección ou Xefatura de Estudos do centro escolar, cando se presente a nivel grupal), xa que todas as persoas participantes deben ser menores de idade a 31 de decembro de 2019.

A participación será gratuíta.

CATEGORÍAS DE PARTICIPACIÓN

Existen catro categorías:

-Categoría infantil: para alumnado de 5.º e 6.º de primaria

-Categoría benxamín: para alumnado de 1.º e 2.º da ESO

-Categoría alevín: para alumnado de 3.º e 4.º da ESO

-Categoría cadete: para alumnado de bacharelato, graos medios e formación profesional básica

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E INSCRICIÓN

A representación legal (nais, pais, titoras ou titores) das e dos participantes ou ben a Dirección ou Xefatura de Estudos dos centros de ensino deberán encher o FORMULARIO de solicitude de conformidade cos termos e coas condicións contemplados nestas bases.

A data límite para inscribirse é o 23 de xaneiro de 2020 e para enviar a curtametraxe o 23 de abril de 2020.

As curtametraxes enviaranse escollendo entre unha das seguintes opcións, especificando sempre en que categoría se inscriben:

1. Mediante envío postal ou por mensaxería dunha copia da curtametraxe e do formulario de solicitude á Secretaría do Museo de Pontevedra

2. Directamente na Secretaría do Museo de Pontevedra

3.- En liña, a través do correo ou de plataformas de transferencias de datos, a curtas.museo@depo.gal

Cada participante ou grupo de participantes só poderá presentar unha curtametraxe. Os centros de ensino só poderán presentar dúas curtametraxes por cada categoría.

As obras presentadas nesta edición do festival non poderán participar en vindeiras edicións.

TEMÁTICA DAS CURTAMETRAXES

As curtametraxes presentadas deberán ter como obxectivo resaltar o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos, ou na exposición Galaicos, un pobo entre dous mundos desde a visión particular da infancia e da mocidade. Serán en galego e poderán incluír subtítulos para as persoas con discapacidade auditiva.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS DAS CURTAMETRAXES

As curtametraxes presentadas ao festival gravaranse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfonos móbiles. Deberán estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente por menores e non poderán durar mais de cinco minutos, incluídos os créditos.

EXHIBICIÓN

As curtametraxes que cumpran os criterios das bases de participación poderán visualizarse a través de www.museo.depo.gal, no Facebook do Museo ou na canle de YouTube a partir do 15 de maio de 2020 e tamén nas dependencias do Sexto Edificio ou do Edificio Sarmiento.

SELECCIÓN E PREMIOS

Entregaranse oito premios, dous por cada categoría, previa selección do xurado. A organización do festival poderá declarar deserta algunha categoría ou realizar unha mención especial.

As contías dos premios son as seguintes:

Categoría infantil:

-Primeiro premio: 700 euros

-Segundo premio: 400 euros

Categoría benxamín:

-Primeiro premio: 800 euros

-Segundo premio: 500 euros

Categoría alevín:

-Primeiro premio: 1.000 euros

-Segundo premio:700 euros

Categoría cadete:

-Primeiro premio: 1.500 euros

-Segundo premio: 1.000 euros

Mención especial nas categorías infantil e benxamín:

-200 euros para cada unha das categorías

Mención especial nas categorías alevín e cadete:

-400 euros para cada unha das categorías

A gala de clausura do festival terá lugar o venres 22 de maio de 2020 no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

MÁIS INFORMACIÓN:

Museo de Pontevedra. Edificio Fernández López

Rúa Pasantería, núm. 2-12, 36002 Pontevedra

Teléfono: +34 986 804 1 00

Fax: +34 886 201 301

E-mail: curtas.museo@depo.gal

Web: www.museo.depo.gal

FORMULARIO

PUBLICACIÓN DAS BASES COMPLETAS NO BOPPO E OS EXTRACTOS

VER OBRADOIROS COMPLEMENTARIOS PARA CENTROS DE ENSINO

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra