O Museo de Pontevedra forma parte da rede europea de Camiños de Arte Rupestre Prehistórica

Actualizado 06/11/2019 00:00

museo de pontevedra

A Asemblea Xeral Extraordinaria do Itinerario Cultural do Consello de Europa Camiños de Arte Rupestre Prehistórico (CARP) ratificou a incorporación do Museo de Pontevedra como membro da rede na súa reunión do foro anual celebrada en Capo di Ponte (Brescia, Italia) o venres 25 de outubro.

Itinerario498.jpg

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, defendeu a candidatura do Museo baseándose na súa longa tradición investigadora en relación coa arte rupestre, que se remonta á Sociedad Arqueológica de Pontevedra e que se evidencia nos seguintes argumentos:

  1. O Museo alberga entre os seus fondos un importante conxunto de materiais orixinais e de produtos derivados da súa investigación e estudo que integra, fundamentalmente:
  2. Un importante arquivo gráfico e documental formado por fotografías, debuxos, apuntamentos ou bosquexos realizados por distintos investigadores desde finais do século XIX ata a actualidade
  3. Réplicas e moldes de xeso de Ramón Sobrino Buhigas realizados como consecuencia da súa investigación para a publicación do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935)
  4. mostras orixinais de arte rupestre, tanto petróglifos como estelas e mesmo arte megalítica
  5. O Museo ten unha dilatada tradición no inventario e catalogación de petróglifos, evidenciada sobre todo a partir das publicacións Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra (Filgueira Valverde e García Alén, 1953) e Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra (García Alén e Peña Santos, 1981), polo que xogou un papel destacado no seu proceso de declaración de Bens de Interese Cultural no ano 1974.
  6. O Museo é o depositario dos fondos arqueolóxicos procedentes dos xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra (agás os procedentes da cidade de Vigo que van ao Museo Quiñones de León). Isto, unido á longa tradición de adquisición de materiais arqueolóxicos desde a mesma constitución da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, permite que conte cunha das mellores coleccións arqueolóxicas que permiten contextualizar axeitadamente a cultura material e as formas de vida das diferentes formacións sociais que crearon os petróglifos.
  7. O Museo é un dos principais destinos turísticos da provincia de Pontevedra polo que pode xogar un papel importante na promoción das visitas cara a outros sitios relevantes da provincia presentes nas súas coleccións.







O Itinerario Cultural do Consello de Europa Camiños de Arte Rupestre Prehistórica (CARP) é a maior rede internacional para a cooperación ao redor da arte dos primeiros europeos. Nestes intres integra máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia, e segue a crecer día a día.
Foran parte deste Itinerario Cultural sitios emblemáticos como o Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira (España), Museu do Côa (Portugal), Lascaux IV - Centre International de l'Art Pariétal e Caverne du Pont-d’Arc-Chauvet (Francia) ou Gobustan National-Historical Artistic preserve (Acerbaixán), todos eles incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Nestes intres, Galicia conta con cinco destinos rupestres englobados nesta rede, todos eles no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e a menos de 25 quilómetros de distancia do propio Museo, cos que pode cooperar para reforzar o coñecemento e promoción dos petróglifos de Galicia:

  • Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, Campo Lameiro
  • Área Arqueolóxica da Caeira, Poio
  • Área Arqueolóxica de Tourón,  Ponte Caldelas
  • Petróglifos de Mogor, Marín
  • Petróglifos de Monte Penide, Redondela
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra