Conmemoración do 70 aniversario da colección de poesía Benito Soto

Actualizado 20/11/2019 00:00

museo de pontevedra

O venres 22 de novembro, ás 19:30 h, a Real Academia Galega celebrará no Sexto Edificio do Museo os 70 anos da aparición da colección Benito Soto. O proxecto co nome do pirata da Moureira, a primeira colección de poesía que publicou literatura en galego tras a guerra civil, naceu en Pontevedra en 1949 e editou con Sabino Torres á fronte, ata a súa desaparición en 1952, máis dunha ducia de libriños de versos de autores como os irmáns Álvarez Blázquez, Manuel María, Luís Pimentel, Manuel Fabeiro Gómez, Ricardo Carballo Calero ou Álvaro Cunqueiro.

 A celebración, organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra, combinará o recitado de poemas dos escritores implicados nesta aventura coa súa interpretación musical a cargo de Ánxeles Ruibal. A académica Fina Casalderrey conducirá o acto, que incluirá tres olladas á colección e ao seu contexto do académico Xesús Alonso Montero e das investigadoras Ana Acuña e Patricia Arias Chachero.

O acto contará coas voces de escritores e familiares dos autores que formaron parte desta aventura. Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel A. Cuña Casasbellas, Joaquín Fabeiro Beiro, Luís Ferreiro, Antón Sobral, Xaime Toxo e Eva Mejuto recitarán versos publicados polo selo xunto aos membros da Academia Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O presidente da RAG pechará o acto.

Máis información en https://academia.gal/

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra