O alumnado de galego da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra presenta a Guía da Sala Castelao

Actualizado 21/11/2019 00:00

museo de pontevedra

O salón de actos do Sexto Edificio do Museo acolle este sábado 23 de novembro, ás 12.00 h, a presentación da Guía da Sala Castelao elaborada polo alumnado de galego da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra.

Guía das Salas Castelao

No acto colaborará a Aula Municipal Xuvenil de Teatro de Pontevedra, que durante o curso pasado fixo unha montaxe sobre a vida e a obra de Castelao e mais un vídeo no propio museo.

Conscientes do importante legado sobre Castelao que posúe esta institución, coa elaboración desta guía as autoras e autores queren contribuír á divulgación da vida e a obra deste persoeiro fundamental da historia contemporánea de Galicia.

A guía xa está accesible na Rede en formato dixital no enderezo https://guiacastelao.home.blog/ para que poida ser consultada in situ nos dispositivos móbiles mentres se visita a sala. Consta de 16 capítulos ordenados segundo a disposición das obras na sala. En cada capítulo, o contido repártese en varios niveis consonte o grao de interese da persoa visitante: Presentación xeral, Ler máis e Para ler aínda máis. Ao final de cada apartado, engádense as fontes de información.

Pódese ver o vídeo da Aula Municipal Xuvenil de Teatro a través desta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=8budyH663Jc

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra