Relatorio arredor do libro Memoria dunha experiencia asemblearia. Crónica e ideoloxía do movemento de mestres

Actualizado 25/11/2019 00:00

museo de pontevedra

O Ateneo de Pontevedra organiza no salón de actos do Sexto Edificio un relatorio arredor do libro Memoria dunha experiencia asemblearia. Crónica e ideoloxía do movemento de mestres, de Miguel Barros, publicado por Editorial Galaxia. O acto terá lugar o vindeiro mércores 27 de novembro, ás 19:30 horas. O autor estará acompañado por José Rivas Fontán, Antón Costa Rico e Francisco Castro.

Memoria dunha experiencia asemblearia. Crónica e ideoloxía do movemento de mestres

Memoria dunha experiencia asemblearia analiza e reivindica o papel do grupo que no ano 1972 iniciou un movemento asociativo de ampla adhesión entre o colectivo de ensinantes, e que deu lugar ao nacemento, no ano 1977, do Movemento de Mestres, iniciativa que puxo en cuestión as estruturas oficiais, sindicais e pedagóxicas, dos anos finais do franquismo e axudou a desartellar o sindicalismo vertical no sistema educativo.

Miguel Barros Puente (Carballedo - Cotobade, 1944) estudou Maxisterio en Pontevedra e doutorouse en Ciencias Políticas. Exerceu de mestre en Vigo ata a súa xubilación. Formou parte do grupo impulsor do Movemento de Mestres. Afiliado ao Partido Socialista en 1978, despois de militar na CNT, foi concelleiro en Vigo en dous períodos (1979 e 2003) e membro do Parlamento de Galicia nas tres primeiras lexislaturas. Nos últimos tempos militou en Compromiso por Galicia. Entre as súas publicacións salientan Discurso e tempo. Na procura dun socialismo para Galicia (2006) e Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo, publicado por Galaxia en 2009, e polo que recibiu o Premio da Crítica.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra