O Foro de Pontevedra 850 anos despois! Mesa redonda

Actualizado 28/11/2019 00:00

museo de pontevedra

O martes 3 de decembro, 850 anos despois de que nese mesmo mes de 1169 o rei de León e Galicia Fernando II concedera a Pontevedra o Foro que lle daba categoría urbana e lle concedía aos seus habitantes, presentes e futuros, unha serie de privilexios, vai ter lugar na área de cristal do Sexto Edificio unha mesa redonda na que intervirán Anselmo López Carreira, historiador; Mercedes López-Mayán, historiadora da arte e Alberte Lago Villaverde, historiador. Moderará este interesante coloquio o profesor de latín e grego Xosé Abilleira Sanmartín. Terá lugar ás 19 h. con entrada libre ata completar aforo.

O documento orixinal desta época brillante na historia da Galicia medieval perdeuse, pero coñécese o seu contido pois foi incorporado á confirmación do mesmo que fai en Sevilla o 5 de xuño de 1264 o rei Alfonso X.

O Foro de Pontevedra 850 anos despois

Este último documento consérvase no Arquivo Documental do Museo de Pontevedra desde 1929, ano no que foi depositado polo Concello de Pontevedra. Indícase nel que Alfonso X ve o privilexio outorgado polo seu bisavó Fernando II e copiase o seu contido confirmándoo a continuación xa que, segundo se manifesta, o documento primitivo estaba moi danado.

Con motivo da conmemoración da concesión deste feito tan transcendente, que constituiría o comezo do que a finais dos tempos medievais chegaría a ser a esplendorosa vila de Pontevedra, o concello publicou o libro Estudos sobre o Foro de Pontevedra (1169) no que baixo a coordinación de Xosé Abilleira Sanmartín  se abordan diferentes aspectos vinculados con este documento e o seu tempo, por parte diferentes investigadores no eido dos estudos medievais e lingüísticos como Mercedes López-Mayán, Anselmo López Carreira, Francisco Rodríguez Sánchez, Cilia Torna, Silvia Cernadas Martínez, Francisco Calo, Alberte Lago Villaverde, Miguel García-Fernández, Marina Aurora Garzón Fernández, Ricardo Pichel Gotérrez e Ana Acuña Trabazo.

O Foro de Pontevedra 850 anos despois

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra