Presentación do libro Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 de Miguel Anxo Seixas Seoane

Actualizado 29/01/2020 00:00

museo de pontevedra

O venres, día 31 de xaneiro, ás 19:30 h, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra albergará a presentación do libro Castelao. Construtor da nación. Tomo I, de Miguel Anxo Seixas Seoane. O autor estará acompañado neste acto por Xesús Alonso Montero e Xosé Soutullo. A entrada é libre ata completar o aforo. 

Castelao. Construtor da nación

Esta biografía, publicada pola Editorial Galaxia, recolle os fitos da cronoloxía persoal e pública de quen foi  unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega. Desde o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que emprega os debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e o artista.

Miguel Anxo Seixas Seoane é un historiador galego que naceu en Arzúa en 1960. Licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, entre as súas obras podemos destacar O Camiño de Santiago (1990), Ánxel Casal (1995), Castelao pintor (2006, Galaxia) e Quen fora pedra (2017).  Ademais participou en numerosas obras colectivas como Celso Emilio Ferreiro (1989), Para ler a Castelao I e II (2000, Galaxia) e Camilo Díaz Baliño, o deseñador da nación (2016).  Castelao. Construtor da nación é o primeiro dos tres volumes que abordan a vida e a obra do autor rianxeiro.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra