Presentación do documental ‘O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns’

Actualizado 04/02/2020 00:00

museo de pontevedra

O próximo día 20 de febreiro, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra albergará, ás 19:30 h, a presentación do audiovisual ‘O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns’, un documental que nos aproxima á materialidade efémera das comunidades da Idade do Ferro, que xurde a partir do estudo das pezas de madeira carbonizada do Castro de Castromaior (Portomarín, Lugo) realizado por María Martín Seijo, investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela. 

Tras o análise arqueolóxico e arqueobotánico do conxunto de pezas, foron seleccionadas unha culler, un cesto e unha vasilla sobre as que reflexionan tres persoas dedicadas á artesanía. A culler que vai á boca, a vasilla que contén o alimento e o cesto que permite almacenar e transportar, son dos obxectos menos coñecidos a nivel arqueolóxico pero que nos transportan directamente á vida cotiá das comunidades pasadas.

Lolo de Severiano (Manuel Castro), Tito Ledo e Lola Tourón ofrécennos a súa visión sobre estas pezas, o que supón unha valiosa aportación á conservación do patrimonio inmaterial asociado ao traballo manual dos materiais vexetais, á cestería e á tornería, pero tamén unha vía de investigación sobre o patrimonio arqueolóxico.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra