O Museo reorganiza a súa programación de exposicións cambiando e ampliando datas de apertura

Actualizado 20/03/2020 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra estará a reorganizar a súa programación de exposicións para que o COVID-19 teña unha afectación o máis reducida posible na súa tarefa divulgativa. O persoal técnico traballa para ampliar prazos de visita e cambiar datas de celebración de exposicións e permitir -de cara ao futuro- a visita presencial de público ás mostras que deberían estar abertas a día de hoxe e ás que se prevía inaugurar en breve. Polo de agora só hai unha cancelación, a instalación ‘A palabra empoderada’, que foi imposible montar debido á corentena.

Nestes momentos a sala 1 do Sexto Edificio do Museo acolle a exposición ‘Debuxantas’ que ten data de peche para o 17 de maio. Dado que só foi posible visitala durante unha hora e media antes da clausura das instalacións, a intención do é poder prorrogala o tempo suficiente para que o público poida disfrutala de primeira man, aínda que esta intención queda condicionada á dispoñibilidade que dela teña o Museo ABC, propietario da mesma, xa que ten un calendario de itinerancia preestablecido.

Non será posible a extensión da mostra de Leopoldo Nóvoa -ata o 26 de abril-, xa que a dispoñibilidade das pezas e tamén as previsións de novas instalación en Pontevedra a fan inviable. Tampouco será posible adiar ‘A palabra empoderada’, que se ía expoñer con motivo da celebración do 8 de marzo pasado e estaba prevista entre o 18 de marzo e o 19 de abril. Esta instalación consistía en recoller pacartas feitas a man utilizadas nas manifestacións do 8 de Marzo tanto en Pontevedra e Vigo, como noutras ciudades europeas e colocalas penduradas do teito do hall do Sexto Edificio como unha acción máis de reivindicación feminista.

Xa está organizado o aprazamento –aínda sen data fixa- da exposición ‘Mestras e mestrados’ que estaba prevista entre o 26 de marzo e o 3 de maio e que reivindica ás artistas profesoras da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que teñen impartido docencia no Mestrado en Arte contemporánea, Creación e Investigación. Trátase dunha exposición que formará parte das celebracións dos 30 anos da facultade. Se nas mostras precedentes se amosaban anualmente as obras do alumnado matriculado no mestrado, esta céntrase nas artistas docentes que formaron aos estudantes. O comisario da mostra, Xosé Mauel Buxan Bran, optou polas mulleres artistas “porque elas representan moito do mellor da profesión artística actual, tal como acreditan as súas carreiras ben significadas, que as erixen en profesionais de alta solvencia no sistema artístico galego, español e internacional”.

Ademais do traballo de reorganización de exposicións e o traballo administrativo, a actividade no Museo continúa coa vixilancia e conservación tanto das mostras itinerantes como das permanentes. Diariamente unha persoa técnica revisa todas as instalacións e as pezas co fin de comprobar que están en perfectas condicións, vixilando parámetros de temperatura e humidade nas salas.

Difusión online

Para paliar a imposibilidade de visitar de maneira física o Museo de Pontevedra, o persoal técnico está a facer esforzos por intensificar a presenza en redes sociais e online da institución co fin de ofrecer á poboación opcións de lecer accesible desde as súas casas.

Unha das novidades é a oferta no Facebook do Museo dun contido diferente aos máis de 12.000 seguidores, publicando cada día -a primeira hora- fotografías en 360º comentadas sobre as exposicións permanentes que alberga o Edificio Sarmiento e o Sexto. Trátase de imaxes que se poden virar, o que permite á persoa que as ve facerse unha idea de como é cada sala ou a ubicación das moitas pezas existentes no seu interior, acompañadas dunha breve explicación. Pola tarde publícanse post con vídeos, fotos de formato tradicional e imaxes en 360º, pero xa centrados nas exposicións temporais de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019’ e ‘Debuxantas’.

As publicacións con fotos en 360º iniciáronse cun post sobre Castelao, para seguir co Tesouro de Caldas e arte  galega, o que continuará nos seguintes días con visións novidosas sobre as salas sobre o  Rexionalismo galego do S. XX; a sala de arte relixioso nos séculos XIV-XVII e o tímpano de San Francisco ; a sala arte galego de finais do século XIX e primeiros do XX; a necrópole da Lanzada (S. III); a sala de cerámica oriental; as escaleiras do Edificio Sarmiento; a sala de Sargadelos -sección 3ª época-; a pía de Mougás; o retablo de Belvís; o relevo do Retablo Maior da Igrexa de Sobrado dos Monxes; ou o depósito de Samieira cos machados de talón atopados, entre outros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra