O Museo disporá das catro propostas para a súa identidade visual no prazo dun mes

Actualizado 24/03/2020 00:00

museo de pontevedra

No prazo dun mes as catro candidaturas seleccionadas para deseñar a identidade corporativa do Museo de Pontevedra (Uqui Permui, Tamara Baz, Costa Comunicacion visual SL, e Cenlitrosmetrocadrado Sociedade Coop Galega) deberán aportar as súas propostas. Así o acordou a Dirección do Museo conxuntamente coas persoas e entidades afectadas, que consideraron a idoneidade de continuar o proceso de selección durante o estado de alarma polo COVID-19, sempre realizando todas as interaccións necesarias entre as partes de maneira telemática.

A selección das catro propostas que mellor se adaptaban ao contrato proposto pola Deputación realizouse nunha reunión do Consello Asesor do Museo o pasado 13 de marzo.  Foron escollidas entre as 37 presentadas en tempo e forma en base aos criterios establecidos: experiencia en  presentación de campañas de imaxes institucionais ou corporativas, capacidade de transmitir o significado e contido das marcas, institucións ou corporacións, valor artístico e simbólico dos traballos, capacidade de adaptación e versatilidade para a aplicación dos distintos soportes, convivencia e lexibilidade.

A segunda fase do proceso que agora se abre e consistirá na presentación da proposta de nova imaxe corporativa do Museo e  comezou a contar oficialmente trala comunicación ás aspirantes, que disporán dun prazo de un mes. Os traballos deberán incluír a presentación do imagotipo; acompañar a proposta dunha memoria xustificativa técnica e teórica da produción da imaxe; e xustificar a aplicación da imaxe nos distintos soportes dixitais, papelería, publicacións e impresos e distintos soportes das exposicións.

Con respecto a  presentación, como consecuencia da declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, formalizarase a través da sede electrónica e calquera consulta será atendida no correo electrónico.

Unha vez se reciban todas as propostas, volverá ser o Consello Asesor o que decida cal é a máis axeitada para o Museo. A empresa seleccionada terá que presentar o manual de identidade corporativa de maneira desenvolvida.

O importe do contrato de deseño final ascenderá a 12.000 euros (sen IVE). En concepto de compensación polos gastos o resto das tres propostas convidadas que non resulten adxudicatarias recibirán 1.000 euros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra