Xogamos, lemos e debuxamos na casa. Exposición virtual

Actualizado 31/03/2020 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra propón a nenas e nenos que se animen a facer de comisarios dunha exposición virtual dende as súas propias casas durante o confinamento. Baixo o título ‘Xogamos, lemos e debuxamos na casa’, a intención é que as pequenas e pequenos coñezan o funcionamento interno dos museos, escollan obxectos (debuxos, contos ou xoguetes) dos seus domicilios e lles tiren unha foto para que despois un adulto a colgue no Facebook do Museo.

A xente máis pequena da casa –sempre coa axuda e supervisión de titores, pais ou irmáns maiores, e todos e todas aquelas con ganas e bo humor para participar- terá cadanseu espazo dentro da exposición virtual do Museo a través dunha vitrina imaxinaria. Esta disporase na casa empregando calquera espazo de 90 x 90 cm e nela poderanse expoñer xoguetes, libros de contos e debuxos ao criterio do ou da comisaria.

Para acompañar no proceso ao longo desta semana tres técnicas do museo guiarán a andaina a través de catro vídeos, un por día, nos que explicarán cal é a proposta e como participar, como preparar o que se vaia expoñer para que estea nas mellores condicións, como publicitar a exposición e, por último, recomendacións e consellos sobre como dispoñer as pezas elixidas.

Unha vez finalizada a emisión dos vídeos, a partir do venres pola tarde ata o sábado ás 18 horas, as persoas participantes poderán subir as fotografías da súa vitrina e da súa publicidade ao Facebook dun adulto co cancelo #eusonomuseodepontevedra. Entón será cando o director do Museo de Pontevedra procederá a inaugurar a exposición, tamén a través dun vídeo feito para a ocasión.

Tarefa 1

Tarefa 2

Tarefa 3

Tarefa 4

Inauguración da exposición virtual

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra