DIM 2020. Voces diversas que senten o Museo

Actualizado 18/05/2020 00:00

museo de pontevedra

Un ano máis o Museo de Pontevedra súmase á celebración do Día Internacional dos Museos que este ano ten como tema “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión” O obxectivo desta celebración é converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos, así como promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos cara ao que os museos mostran e as historias que contan.

Con motivo da pandemia que estamos a sufrir a escala mundial, foi necesario cambiar as actividades previstas para recibir ao público nas nosas instalacións por unha celebración a distancia na que mostramos os vídeos que nos enviaron diversas asociacións que traballan no eido da inclusión social.

Voces diversas que senten o Museo, recolle os testemuños de persoas dalgunhas destas asociacións que nos relatan a experiencia vivida na súa visita ao Museo ou nalgunha das actividades que realizan.

Fito, de AMIZADE (Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra), conta a súa experiencia tras visitar o Museo en cadeira de rodas.

Joaquín, da ASOCIACIÓN ALBA de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental de Pontevedra, lembra os obradoiros de cerámica que usuarios desta asociación veñen impartindo desde hai anos a grupos de nenas e nenos que participan nos obradoiros de verán que realiza o Museo no Sexto Edificio.

Un grupo do CENTRO MÉNDEZ NÚÑEZ (Asociación de discapacitados psíquicos Virgen de la O) tamén nos conta a súa visión do Museo

Desde a ONCE achégannos as declaracións de Marián e Lorena:

Marián lembra a visita que fixo á exposición Mirar conTACTO. Pintura para Discapacidade Visual que a Fundación María José Jove achegou ao Museo en 2017.

Pola súa banda, Lorena fálanos da mostra Ver e Tocar. Museo Tiflolóxico ONCE coa que o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra celebrou o seu 75 aniversario e que acollemos no Sexto en 2018.

Chelo, que formou parte do Voluntariado Cultural de Maiores que hai anos colaboraba no Museo, coméntanos as diversas experiencias que viviu na súa relación co Museo de Pontevedra.

A Asociación de Xordos de Galicia (XoGa) achéganos o testemuño de Pilar.

Nuria, de ASORVIGO (Asociación de Personas Sordas de Vigo) fálanos das súas pezas favoritas da exposición permanente que ten visitado.

Desde CRUZ ROJA Pontevedra ofrécennos a súa visión María, voluntaria de talleres de Memoria, e Cándido, participante en diferentes proxectos para persoas maiores de Cruz Roja.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra