Retómase o Curso de Apreciación Musical 2020

Actualizado 01/10/2020 00:00

museo de pontevedra

Reducindo de 250 a 44 o número de persoas por sesión, polos protocolos da COVID-19, retómanse as audicións do Curso de Apreciación Musical 2020 impartido polo profesor Manuel López-Benito, que non chegou a iniciarse por mor do confinamento en marzo.

Para compensar a redución da participación por sesión e  atender ao maior número de persoas, cada un dos catro ciclos que compoñen o curso vaise celebrar en dúas fins de semana con sesións que se repetirán os venres, ás 19 h, e os sábados, ás 11:30h.

As sesións dos venres poderanse seguir tamén en streaming a través de www.museo.depo.gal

Para facilitar a organización dos pases, o martes anterior á celebración de cada audición, a partir das 10 h, as persoas interesadas poderán recoller a súa invitación na recepción do Sexto Edificio para a sesión que prefiran, o venres pola tarde ou o sábado pola mañá, cun máximo de duas entradas por persoa.

PROGRAMA 2020

A MÚSICA E O SEU CONTEXTO HISTÓRICO

9-10 e 16-17 de outubro

A Historia da Música ensínanos que hai momentos en que o devir da mesma sofre un cambio radical. Nas xornadas das que consta o ciclo trataremos de explicar algúns dos fenómenos musicais históricos á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos xa que a música, como calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do que convimos en chamar “o devir histórico e cultural da Humanidade”. Un exercicio que levaremos a cabo con audicións comentadas daquelas obras musicais máis representativas. 

OS INSTRUMENTOS DA ORQUESTRA

23-24 e 30-31 de outubro

O estudo comparado dos diferentes instrumentos da orquestra sinfónica, as súas calidades  tímbricas, os afectos que producen e as maridaxes que poden formar, son algúns dos aspectos que analizaremos neste ciclo do curso de apreciación musical 2020. Para iso escoitaremos e analizaremos algunhas das obras máis representativas para cada un dos instrumentos obxecto do noso estudo. Completaremos a unidade didáctica analizando a importancia da dirección orquestral e a súa evolución ao longo da Historia.

GRANDES OBRAS DA MÚSICA CLÁSICA

13-14 e 20-21 de novembro

Continuando cos ciclos de anos anteriores de Grandes Obras da Música Clásica, escoitaremos e estudaremos en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, algunhas das máis importantes páxinas musicais da Historia da Música Clásica. Un xeito diferente de achegarse a estas obras co obxectivo de aumentar a emoción da súa escoita.

A ÓPERA E AS ARTES ESCÉNICAS

27-28 de novembro e 4-5 de decembro

Fieis á nosa cita coa ópera e as artes escénicas, un ano máis dedicamos un ciclo a estas formas musicais ilustrándoo coa audición de grandes obras. Entre os obxectivos deste bloque temático podemos destacar os seguintes: a análise musical de cada ópera, as súas claves internas, a súa contextualización histórica, o compositor, a posta en escena e todos aqueles elementos relevantes cuxo coñecemento axudan a un maior goce da obra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra