Novos Valores 2020. Obra seleccionada

Actualizado 14/10/2020 00:00

museo de pontevedra

Desde o 15 de outubro e ata o 15 de novembro o Sexto Edificio acolle  a exposición Novos Valores 2020 que mostra as 21 obras seleccionadas neste certame, entre as que se atopan as  catro das e dos  artistas premiados con bolsas de 7.500 euros para a ampliación de estudos.  Foron: Andrea Dávila Rubio, coa peza “I wish you'd rub your quills against my stomac”; Nuria Rodríguez Figueiredo, coa peza “‘Voltar”; María del Mar Ramón Soriano, con “Homeworks”; e Alejandro Rego Díaz, con “Representación nº3. La mano del artista”.

 

Premer na imaxe para ampliar

A obra de Andrea Dávila Rubio “I wish you'd rub your quills against my stomac” é unha creación de resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro enmarcada dentro dun proxecto de investigación doutoral no que examina a relación entre corpo, pel e escultura "baseado na historia da formación e a remodelación do corpo humano a través de prácticas médicas, fenómenos sociais, mitos e ideas".

O proxecto en concreto parte da expresión alemana traducida como ‘poñer unha espiña baixo a pel' ou provocar a alguén. Ao mesmo tempo, a peza está inspirada nun fragmento de María Magdalena de Friedrich Hebbel (1844) no que un pai protagonista utiliza a pel como referencia á súa condición de hostilidade e vulnerabilidade.

Premer na imaxe para ampliar

“Voltar”, de Nuria Rodríguez Figueiredo, é tamén unha creación escultórica, neste caso de cerámica vidriada. A autora, xa participante noutras edicións de Novos Valores, explica que en conxunto a peza pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo.

Instaladas na parede a modo de retablo aparecen figuriñas que constrúen unha "narrativa cargada de sentimentos de anhelo, delicadeza e maxia", e que lembran aos exvotos, figuras que se ofrecían para materializar un milagre. Debaixo, dúas cadeiras pequeniñas e baleiras parecen á espera sobre unha peana, con flores cerámicas modeladas a man, "que espertan tenrura porque hai moito mimo nelas", tendo ao seu lado un xogo de té en miniatura que simboliza os escenarios máxicos do xogo.

Premer na imaxe para ampliar

“Homeworks. 58 h 35 min” é a proposta de María del Mar Ramón Soriano.  Pertence a un proxecto que fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados. Na construción das dúas pezas dialogan a escultura cerámica e os tarros de cristal que están presentes en toda casa, en forma vertical lembrando dous tótems.

Trátase de pezas producidas durante o confinamento e de aí a obsesión da autora polo pasatempo, o aburrimento ou a cronometración dos procesos, xa que ambas pezas levan como subtítulo “31 h 40 min” e “26 h 55 min”, facendo referencia ao tempo de dedicación manual empregado para a súa construcción.

Premer na imaxe para ampliar

Finalmente, a obra de Alejandro Rego Díaz, “Representación nº3. La mano del artista”, é unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de polípctico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real.

Segundo explica o autor, "é unha obra dun medio de representación, a pintura, que foi o principal instrumento do ser humano ao longo da historia para reproducir a realidade de maneira visual e en dúas dimensións. É tamén unha obra na que se replantexa unha re-presentación da pintura, unha recontextualización de diferentes detalles pictóricos de cadros do século XVII ao XX a partir do principal medio de representación da realidade: a fotografía".

Premer na imaxe para ampliar

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra