O Museo en Camiño. Programa didáctico itinerante
Actualizado 23/03/2021 00:00 museo de pontevedra O Museo en Camiño é un programa didáctico itinerante que pretende achegar, a partir do mes de abril, unha escolma do patrimonio desta institución a nenas e nenos de 6 a 12 anos de dez municipios polos que transcorre o Camiño portugués. Unha exposición no edificio Castelao, prevista para o mes de setembro, pechará esta acción que se levará a cabo en colaboración cos colectivos Taller Abierto y Paspallás ao abeiro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Unha selección de pezas representativas da colección do museo será a base sobre a que se desenvolverán unha serie de unidades didácticas nas que se traballarán por medio da expresión plástica conceptos sobre historia, arte e patrimonio. Deseñarase unha maleta contedor de obxectos que evoquen as pezas elixidas e a equipa dinamizadora desta iniciativa viaxará a Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón para propoñer unha serie de actividades prácticas nas que se fomente a aprendizaxe por descubrimento e o debate, establecendo un vínculo positivo coa arte e a historia. Ademais de coñecer unha representación da colección permanente deste museo, a cativada terá a oportunidade de comprender a vinculación da súa poboación coa milenaria ruta xacobea e apreciar o valor do patrimonio artístico próximo. |
|
© Copyright 2004 - 2013, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 80 41 00 arriba | inicio | contactar | aviso legal |