Percu-Sons. Concertos na praza do edificio Castelao

Actualizado 09/07/2021 00:00

museo de pontevedra

Percu-Sons é unha proposta nova coa que o Museo retoma os concertos ao aire libre que Sons no Arco viña ofrecendo en anos anteriores. Desta volta propón dous concertos centrados no formato de percusións e voz, desde estilos distintos, mais que comparten unha mesma idea: a da actualización da tradición nutrida na multiculturalidade.

Celebraranse os días 16 e 23 de xullo, ás 21 h, nun espazo abrazado pola arquitectura do edificio Castelao, que se vai consolidando como unha extensión ao aire libre da actividade dun Museo participativo e aberto, inserido coa maior naturalidade, na vida urbana da cidade.

Inscrición en: reservas.museo@depo.es

 

16 de xullo. ODAIKO & Vanesa Muela

ODAIKO & Vanesa Muela

Intérpretes:

  • ODAIKO e Vanesa Muela (voz)

Programa:

  • Camiño de Volta

Camiño de Volta é, como o seu nome indica, un retorno e unha exploración sobre a música de raíz. Para iso, ODAIKO integra á prestixiosa cantante Vanesa Muela, artista cunha longa carreira que a convirte nunha das voces, literalmente, de referencia no panorama da música española. Ademais doutros recoñecementos, recentemente Vanesa Muela ten sido galardoada como mellor cantante do Estado no xénero das músicas de raíz e folclóricas, outorgado pola Asociación Española de Intérpretes Femininas e o Ministerio de Educación.

ODAIKO é unha formación galega con máis de dezaoito anos nos escenarios, deseñando espectáculos musicais e escénicos alternativos, nos que a música, a palabra e a presentación, conxúntanse para construír propostas comunicativas que xeran unha experiencia orixinal e participativa para o público. Neste camiño, ODAIKO ten realizado xa unha decena de proxectos que exploran estilos e representacións, que van desde a música de raíz á creación contemporánea, con propostas que integran o teatro, a performance, e mesmo con espectáculos especializados para públicos infantís e familiares.

Para iso, ODAIKO confórmase como un grupo de percusionistas multidisciplinares de acreditadas traxectorias en grupo e individuais, sendo xunto cos Percusionistas de Estrasburgo (Francia) unha das moi poucas compañías de percusión profesionais en Europa, especializadas neste xénero musical.

 

23 de xullo, KENDRAH

KENDRAH

Intérpretes:

  • Andrea Rey: Voz
  • Adrián Saavedra: Baixo
  • Ariel García : Guitarra
  • Bea González: Surdobeat
  • Fran Troncoso: Caixa
  • Jorge C. Pérez: Repinique
  • Pablo Paz: Timbau
  • Director Artístico: Jorge C. Pérez
  • Técnico: Paque
  • Vestiario: Mª Teresa Fernández

Programa:

  • Danza da Lúa
  • Cheo de Fume
  • Ela Soa
  • Amar
  • Tocoo
  • Camiño Longo
  • Tecendo Fíos
  • Ya no mama
  • A pata fora saca
  • Terra vista
  • Eu cantar, catar, cantei
  • Fia na

Composicións orixinais de Adrián Saavedra, para KENDRAH

KENDRAH nace dunha idea sinxela e innovadora: fusionar as tradicións musicais de Galicia, África e o Brasil, a través de ritmos, letras e melodías que beben destas tres fontes, para crear un estilo propio e orixinal: o batuke galego. Tomando como referencia experiencias de grupos como Olodum, Ilê Aiyê (São Salvador de Bahía) e Muzenza (Río de Janeiro), KENDRAH elabora unha proposta nova a partir de tradicións locais como os cantos de taberna populares, e tamén dos textos dos poetas cultos en galego, como Uxío Novoneyra ou a recentemente homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021, a poeta Xela Arias.

Da man do compositor Adrián Saavedra, xorden temas frescos, alegres e potentes, recreados por un grupo de instrumentistas nos que se integra a voz de Andrea Rey, cantante aínda nova, cunha grande proxección. O resultado final é unha proposta musical actual, con moita enerxía e un directo potente, no que cada intérprete achega o seu duende a unha sonoridade de conxunto ritmicamente expansiva; un groove que implica ao público nunha experiencia sensorial á vez que ética, de reencontro cos raizames e as fontes da vida: a sabedoría, a enerxía e a inspiración, simbolizados no awen do seu logo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra