O Museo de Pontevedra no proxecto IMPACTOUR

Actualizado 14/07/2021 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra entrou a formar parte do proxecto sobre o turismo cultural, IMPACTOUR, financiado con fondos do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea, que botou a andar en xaneiro de 2020 e que se prolongará ata xuño de 2023.

IMPACTOUR está conformado por un consorcio de doce socios de nove países europeos. En España, Cultur Viajes, a axencia da Fundación Santa María la Real especializada en turismo cultural, é a responsable de coordinar os destinos piloto do noso país. O Museo de Pontevedra súmase ao estudo xunto ao Románico palentino, representado polo Concello de Aguilar de Campoo, e ao Camiño de Santiago, que representa a propia Fundación Santa María la Real.

Estes pilotos proporcionarán unha variedade de datos sobre fluxos de visitantes, bens culturais, provisións de infraestrutura e indicadores económicos e sociais, que axudarán a definir, construír e eventualmente probar as novas ferramentas IMPACTOUR para a xestión de destinos.

O proxecto desenvolverá unha metodoloxía avanzada e adaptable para estimar o impacto do turismo cultural no crecemento económico rexional da UE. Combinando algoritmos de análise de datos con enfoques de aprendizaxe automático e intelixencia artificial, o obxectivo é conseguir mellorar as políticas e accións en turismo cultural.

A iniciativa desta investigación ten como punto de partida a premisa de que o turismo cultural é un factor de crecemento económico e unha ponte entre as diferentes culturas no desenvolvemento das rexións europeas, por este motivo facíase necesario un estudo sobre os impactos dos diferentes tipos de turismo cultural e unha avaliación das estratexias transfronteirizas empregadas para alcanzar o desenvolvemento sostible adecuado.

Máis información sobre este proxecto en https://www.impactour.eu

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra