Concertos de Neønymus

Actualizado 08/09/2021 00:00

museo de pontevedra

A praza do Edificio Castelao e as Ruínas de San Domingos serán os espazos en que terán lugar os dous concertos de Neønymus que vai ofrecer o Museo o vindeiro 16 de setembro. O primeiro deles, de carácter familiar e interativo, será o titulado Historia inventada da música inventada que terá lugar ás 16:30 h a beira do Edificio Castelao. O segundo, co título Ecos da prehistoria  celebrarase ás 21 h no marco histórico das Ruínas de San Domingos.

Inscrición en: reservas.museo@depo.es

Premer na imaxe para ampliar

A proposta musical única de Neønymus traslada ao oínte a lugares imaxinarios que recrean paisaxes sonoras da antigüidade (o concerto comeza evocando o Paleolítico), ás veces cunha enorme carga emocional e un notable sentido de transcendencia. Unha viaxe exploratoria pola intimidade cultural e espiritual do ser humano, pero condimentado con humor e múltiples relatos.

Trátase dun evento cativador e sorprendente, onde Silberius de Ura, o creador deste proxecto unipersonal, xera en directo unha moi persoal mestura de voces, sons e pequenos instrumentos, utilizando unha atrevida combinación de tecnoloxía e harmonías vocais de música antiga.

Neønymus ofreceu máis de seiscentos concertos en España, Francia, Rusia, Italia e Portugal, moitos deles en lugares moi singulares: mosteiros, ermidas, covas paleolíticas, castelos en ruínas e tamén en museos (MAN, MUPAC, MEH, MECyL, MUSAC, etc.), teatros e conservatorios de música. Tamén concertos didácticos en centros de ensino e centros culturais.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra