O Museo en Camiño. Mostra do programa didáctico itinerante

Actualizado 24/09/2021 00:00

museo de pontevedra

A área de cristal do edificio Castelao acolle ata o 24 de outubro a mostra dos traballos realizados polas nenas e nenos participantes no proxecto didáctico itinerante O Museo en Camiño, unha iniciativa celebrada ao longo dos meses de abril, maio e xuño en dez localidades polas que transcorre o Camiño portugués, que tivo como obxectivo dar a coñecer á cativada unha escolma das obras máis representativas da colección permanente deste museo, así como fomentar a comprensión da vinculación da súa poboación coa ruta milenaria.

O Museo en Camiño

Ao abeiro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, esta acción, desenvolvida polos colectivos Taller Abierto e Paspallás, permitiu achegar aos lugares escollidos maletas viaxeiras con réplicas de pezas como o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira’ de Carlos Sobrino, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas actuaron como base para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio empregando a expresión plástica como medio de transmisión de coñecemento.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra