Día Europeo da Arte Rupestre

Actualizado 30/09/2021 00:00

museo de pontevedra

Con motivo da celebración, o 9 de outubro, do Día Europeo da Arte Rupestre, declarado polo Consello de Europa e a Comisión Europea, o edificio Castelao acollerá unha charla divulgativa a cargo do catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas, ademais dun obradoiro creativo para o público familiar, incluídas as persoas cegas.

‘Cova  Eirós e as súas manifestacións artísticas’ é o título da conferencia coa que iniciaremos xa o venres 8, ás 19:30 h, a programación organizada para conmemorar esta xornada que ten como obxectivo poñer de relevo a importancia cultural, artística e turística da arte prehistórica diseminada por toda a xeografía europea e con numerosos exemplos no caso galego.

O sábado, día 9, as actividades centraranse no taller ‘Unha mirada ao pasado, viaxando pola prehistoria de Galicia’ que desenvolveremos ás 12:00 e ás 17:00  h. Ao longo dunha hora, as persoas participantes asistirán a unha pequena introdución teórica que lles permitirá obter unha visión diacrónica da arte rupestre prehistórico galego, a través dunha exposición que irá desde os gravados e pinturas dos dolmens ata os da época castrexa, facendo fincapé nos atopados no castro de Formigueiros.

O apartado práctico desta proposta virará ao redor dos petróglifos da Idade do Bronce e ás pinturas, tanto megalíticas como ás novas aparicións en lugares como  Casaio, Penedo Gordo ou Lobarzán. As familias inscritas nesta acción terán a oportunidade de coñecer técnicas, temas, ferramentas, pigmentos e  aglutinantes cos que plasmarán un motivo prehistórico real utilizando un calco sobre unha bolsa de tea de algodón que poderán levar.

Debido a que o aforo de ambas as dúas propostas está limitado polas restricións sanitarias, será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra