Día Internacional dos Museos

Actualizado 13/05/2022 00:00

museo de pontevedra

Con motivo da conmemoración, o vindeiro mércores 18, do Día Internacional dos Museos, unha iniciativa promovida polo ICOM desde 1977, este museo desenvolverá unha programación específica que incluirá visitas comentadas, un festival de música con Estudo Bonobo e a proxección do audiovisual ‘O poder  do Museo’.

Así, ao longo de toda a xornada, as persoas que se acheguen ao Edificio Castelao poderán visualizar o vídeo elaborado para a ocasión sobre a capacidade transformadora deste museo, que inclúe testemuños sobre o que supón para a contorna a localización dos edificios expositivos desta institución nesa zona.

Ademais, o persoal do departamento de Educación realizará visitas comentadas á fonte da Ferrería, un elemento emblemático da cidade que pertence ao museo. As persoas que desexen participar en ‘O Museo na cidade’ poderán acudir ás sesións que se celebrarán ás 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 h na propia peza, situada na praza de Ourense.

Pola súa banda, o venres día 20 terá lugar no Edificio Castelao un festival de música promovido por  Estudo Bonobo que comezará ás 17:00 h con Ritmo na  lúa e  Noise in the Jungle, na planta 0. Alí, seis agrupacións de nenas e nenos de 4 a 6 anos interpretarán cancións propias sobre temas habituais da súa idade (extraterrestres, animais incribles, mundo subacuático…) utilizando  sintetizadores, samplers, instrumentos de percusión e caixas de ritmo.

Ás 19:30 h, na praza exterior do Edificio Castelao actuará o grupo do proxecto  Rocklab, formado por alumnas e alumnos de 10 a 12 anos, e a banda feminina de rock Rebel  Spirits, integrada por catro mozas de 17 e 18 anos, que está a preparar xa a gravación do seu primeiro traballo nos estudos Planta Sónica e Estudo Bonobo.

Rebel Spirits

Rebel Spirits

A xornada concluirá co concerto, ás 21:30 h, no claustro do Edificio Sarmiento, de Thom Archi, unha das promesas e talentos máis novos da provincia de Pontevedra que presentará unha proposta rompedora na que mestura ritmos urbanos, melodías pop, rap e EMD. Debido ao aforo limitado do espazo, para asistir a esta actuación será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal

Thom Archi

Thom Archi

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra