Obradoiro de iniciación á cerámica con Nuria Figueiredo
Actualizado 24/05/2022 00:00 museo de pontevedra ![]() O Edificio Castelao, acollerá ao longo do mes de xuño, un taller de iniciación á cerámica para adultos que será impartido pola artista Nuria Figueiredo, unha das gañadoras do certame de artes plásticas Novos Valores 2020. Esta iniciativa desenvolverase ao longo de catro sesións de dúas horas de duración cada unha que se celebrarán os xoves 2, 9, 16 e 30 de xuño, de 18:30 a 20:30 h. As persoas participantes terán a oportunidade de explorar diferentes técnicas de construción (churro, ferro e belisco), coñecer os estados da arxila, o secado e experimentar con diferentes cubertas, as térreas e os vidrados. A ceramista ensinará tamén a fabricar engobes e distintas formas de aplicación para decorar as pezas, que se cocerán unha primeira vez a 1030º, tras o que mostrará diferentes tipos de esmaltes e decoración baixo cuberta con óxidos e pigmentos. Posteriormente, enfornaranse de novo as creacións para que se funda o vidrado, momento no que estarán rematadas. Para asistir a esta actividade será necesario enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal, xa que só hai 12 prazas dispoñibles. |
|
© Copyright 2004 - 2013, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 80 41 00 arriba | inicio | contactar | aviso legal |