Francisco Zagala

Francisco Zagala é, sen dúbida, unha das figuras máis representativas da fotografía histórica galega. Aínda que nace en Verín en 1842, desenvolve a maior parte da súa vida profesional na cidade do Lérez, onde se instala a mediados de 1879 na céntrica rúa da Oliva, da que se traslada ao pouco tempo, primeiro ao número 26 da rúa da Peregrina, e posteriormente ao número 11 da praza da Constitución, un fermoso pazo urbano que pertencera á familia dos Barbeito y Padrón, coñecido popularmente como a casa das caras.

Poucos datos coñecemos sobre a súa actividade fotográfica ata a súa chegada a Pontevedra, aínda que sabemos que traballou en Madrid, onde se lle atribúe, ademais, unha activa militancia política nas filas republicanas, que o levaría a participar nos convulsos acontecementos sufridos polo país durante o sexenio democrático. Aos 37 anos, acompañado pola súa esposa, a segoviana Gregoria Yagüe, decide regresar a Galicia e asentarse en Pontevedra, cidade na que albisca unha posible saída aos seus intereses profesionais posto que aquí apenas atopa competencia e onde percibe ademais un ambiente sociocultural e político moi acorde coas súas ideas.

Premer nas imaxes para ampliar

A súa profesionalidade, unida ao emprego das máis avanzadas técnicas fotográficas do momento, axiña lle proporciona unha sólida clientela. O seu estudio comeza a gañar fama entre a burguesía local pero tamén entre as clases menos favorecidas, para as que ata ese momento a fotografía estivera vetada polo seu alto prezo. Un bo número de rostros que tiveron unha especial significación na Pontevedra decimonónica serán retratados por este artista. Entre eles o seu correlixionario e amigo Indalecio Armesto, o político pontevedrés Augusto González Besada ou o doutor Cobián Areal, introdutor dos raios x na cidade.

Zagala é tamén a testemuña gráfica do período de expansión e readaptación urbanística que sofre a cidade nas últimas décadas do século XIX. Compaxina desde a súa chegada a actividade como retratista co rexistro de vistas urbanas e dos monumentos máis destacados da cidade, encamiñando a súa produción fotográfica cara á comercialización destas últimas mediante a serie Pontevedra artística e pintoresca, que manterá ao longo de toda a súa vida profesional.

Froito do seu afán por mostrar os lugares máis emblemáticos da cidade, edita en 1883 o seu primeiro álbum, Recuerdo de Pontevedra, un vistoso libro encartado en acordeón que contén 12 vistas orixinais da cidade, ao que lle seguirán, ao longo dos anos, outros de igual ou similar título.

Colaborou en diferentes ocasións con recoñecidas publicacións nacionais como La Ilustración Española y Americana, La Ilustración Artística e Panorama Nacional, e galegas como Galicia Moderna ou Portfolio Galicia, proxecto editorial de Pedro Ferrer publicado por fascículos a partir de decembro de 1901.

Nada se escapa ao seu obxectivo, que recolle como ninguén todo o acontecer diario reflectindo a Pontevedra de entre séculos. É o notario gráfico de feitos tan sinalados e relevantes para Pontevedra como a chegada do ferrocarril en 1884, a inauguración en 1888 dun dos primeiros hoteis que abre na cidade, o Méndez Núñez, a inauguración do balneario do Lérez en 1906 ou a visita do político Canalejas en agosto de 1907.

As súas fotografías de carácter costumista móstrannos a buliciosa actividade das feiras e mercados que tiñan lugar nas diferentes prazas ou as celebracións de carácter lúdico-festivo como o Entroido de Urquín ou as corridas de touros.

Zagala, de carácter afable aínda que reservado, intégrase totalmente na sociedade pontevedresa. Tomará parte nun gran número de iniciativas populares, colaborará na creación da Cámara de Comercio e participará na vida política da cidade, presentándose en varias ocasións ás eleccións municipais polo Partido Republicano. En 1907 chega a ser elixido presidente provincial do partido, cargo que ocupou ata a súa morte ao ano seguinte.

En 1887 recibe a cruz sinxela de Isabel a Católica por instancia do deputado Eduardo Vincenti, que luciría no anverso dos seus cartóns fotográficos xunto aos demais premios que marcaron a súa carreira profesional.

Pero o labor máis destacado e no que Zagala mostra unha maior sensibilidade e unhas mellores aptitudes artísticas é no seu traballo para a Sociedade Arqueolóxica, institución que será clave no arranque do Museo de Pontevedra. Desde a súa fundación en 1894 acompañará o presidente, Casto Sampedro, e aos colaboradores nas súas excursións, realizando un considerable labor de recompilación gráfica de restos arqueolóxicos e monumentos de interese histórico que, ata ese momento, estaban abandonados e esquecidos. A súa estreita colaboración con esta entidade cultural queda de manifesto na publicidade do seu estudio na prensa local, na que se proclama fotógrafo da Sociedade Arqueolóxica.

O libro de actas da Sociedade infórmanos da grande actividade desenvolvida polos seus membros, sobre todo durante os primeiros anos de vida da institución. En 1897 Zagala acompañará a Casto Sampedro e Luis Sobrino a Carboeiro (Silleda) para plasmar graficamente o estado de abandono e ruína no que se atopaba o mosteiro beneditino, obra destacada do románico galego. Dese mesmo ano é a fotografía que deixa constancia do achado da ara romana atopada en Tomeza, hoxe depositada no Museo de Pontevedra.

A través das facturas emitidas por Zagala á Sociedade Arqueolóxica podemos rastrexar os lugares aos que acoden na busca de información para as súas investigacións. Ademais dos anteriormente mencionados visitan, entre outros, os municipios da Estrada, Marín, Lalín, Cambados, Sanxenxo ou Bueu, o que xera un bo número de fotografías que, tras a disolución desta institución, pasarían a converterse na base do actual arquivo gráfico do Museo de Pontevedra.

Súas son as primeiras fotografías das Ruínas de San Domingos como sede do museo creado pola Sociedade, así como as das exposicións organizadas en 1895 e 1896. Deixará constancia gráfica da homenaxe que a Sociedade Arqueolóxica lle realizou ao padre Sarmiento na Fillagosa, fermosa paraxe do río Lérez na que o sabio beneditino adoitaba meditar.

En 1906 Zagala fotografa a visita que a infanta Isabel realiza ao museo da Sociedade, acompañada de Casto Sampedro, Luis Gorostola, José Casal e o pintor Alfredo Souto. Este último será o encargado de deseñar a portada do álbum fotográfico co que a infanta é obsequiada e que hoxe en día se atopa en paradoiro descoñecido.

Á súa morte en 1908, o seu discípulo e sucesor, Lorenzo Novás, pasa a ser o novo fotógrafo da Sociedade, coa que manterá unha frutífera relación laboral durante moitos anos. En 1945 o Museo de Pontevedra cómpralle 1.230 negativos de vidro a Novás, a maioría referentes aos traballos que realizou para esta institución. Mesturados entre eles atopábanse, ademais, un bo número dos que pertenceran ao seu mestre.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra